domingo, 22 de abril de 2018
Baloncesto Xúnior Fem.CLUB DEPORTIVO LOS ROSALES 75 - DIMOLK BASQUET XIRIA 53
Xogado o sábado 14 ás 18:00h nos Rosales correspondente á 6a xornada da segunda fase da liga na
2a división xunior feminina da zona norte.
Partidazo!!! Aí está, chegou, por fin!!!
Empezou o equipo local coa defensa á que xa nos ten acostumados de presión en toda a pista que propiciaba que os ataques das carballesas foran lentos e longos e pases non moi precisos. Ó ataque estático das visitantes, as Rosaleiras respondían cunha defensa individual moi solidaria pechando todas as vías de entrada á canastra. Iso, acompañado dun xogo de ataque fluído, movendo o balón con xeito, buscando penetracións cara ó aro e alternando co tiro exterior, e que tiñamos unha
porcentaxe de acerto boa, levou a un parcial de 12-0, sorprendente, pero que reflexaba xustamente o que ocorría na pista.
Como era de esperar, Xiria reaccionou, pero as locais mantiveron o bo tono en ataque e remataron o
cuarto cun resultado de 22-9 e con boísimas sensacións.
Empezou o segundo cuarto e quedou claro que as visitantes non viñeran de paseo, incrementaron a
intensidade defensiva, recuperaron uns cantos balóns, meteron unha marcha máis ó ataque e
puxéronse a tres puntos. Tempo morto, recomposición mental e a aguantar ata o descanso ó que chegamos cun 29-25 que deixaba todo aberto.
A “visita” ó vestiario no “tempo de lecer”, servíu para que as xogadoras se deran conta de onde
estaba o problema, a intensidade e a concentración da defensa presionante habían baixado deixando
que Xiria fixese o seu xogo.
Recuperáronse as sensacións do primeiro cuarto, tomouse de novo o control e mando do partido e a
diferencia no marcador foi aumentando pouco a pouco e, a pesar dos cinco triples en total das visitantes, con dous parciais de 22-17 no terceiro cuarto, e de 24-11 no derradeiro, chegamos a ese final de 75-53 que foi merecido pola entrega e o traballo das xogadoras que en todo momento creron en que se podía gañar e loitaron por conquerilo.
Resaltar que todas elas conseguiron canastra e que cinco lograron 10 ou máis puntos.
Ven unha fin de semana completita co partido aprazado contra Ribadeo que xogamos o sábado, e o primeiro da Copa Primavera contra Artai que será o domingo, ambos nos Rosales. Son dous equipos
moi fortes físicamente e moi traballados como grupo e que nos gañaron ben nos partidos anteriores,
pero..., alguén dixo que non se pode soñar?
Bravo a todas.
Xogaron: Alba, Adriana, Clara, Daniela, Erea, Lara, Marta e Sabela.
Reseña: O reaparecido.
Fotos: Ana NietoMáis fotos aquí
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario